Thursday 19 de September de 2024

A Xunta de Goberno adxudica a reforma da casa reitoral de Montemaior e tamén do servizo de roza


Na campaña de desbroce na rede viaria municipal o Concello investirá 140.000 euros.

O Concello completou hoxe os procedementos de contratación da reforma da casa reitoral da parroquia de Montemaior e tamén do servizo de roza de vías e parcelas de titularidade municipal coa adxudicación dos contratos por parte do órgano competente, a Xunta de Goberno Local.
No caso da rehabilitación da histórica edificación de Montemaior, tal e como se anunciara trala valoración pola Mesa de Contratación das ofertas presentadas, a intervención será executada por Iam Rumbo Instalacións y Obras S.L. O orzamento ascende a 713.000 euros para transformar a antiga reitoral nun espazo multifuncional que sirva de punto de encontro para a veciñanza, centro de referencia para o sector primario e albergue xuvenil, entre outros usos. O proxecto respectará a estrutura da edificación, pero cunha nova distribución. A planta baixa quedará dividida en varias estancias mediante tabiques móbiles que permitirán flexibilizar os espazos nos que acoller reunións, eventos, cursos e actividades. Tamén será recuperada a antiga zona da lareira e creada unha habitación adaptada. No primeiro andar habilitaranse seis dormitorios, mantendo as ventás orixinais cara o exterior e creando novas cara o interior que melloren as capacidades térmicas do cerramento, a iluminación e a ventilación. No exterior vai ser adecuada unha zona pública de reunión cun pavimento diferenciador aproveitando a estreita relación visual entre a reitoral e a igrexa.
En relación ao servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal, acordouse pola Xunta de Goberno Local adxudicar os cinco lotes nos que foi dividido o contrato a outras tantas empresas co obxectivo de axilizar a execución dos traballos.
O propósito desta campaña anual de desbroce é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar esas actuacións en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
Unha vez adxudicados os contratos, as intervencións na rede viaria comezarán a executarse nos próximos días.